Aviso! Esta tradución está moi desfasada, consulte o orixinal.

Asistencia técnica

Documentación

Antes de buscar a axuda de alguén, soe ser bo tratar de buscar a resposta ao problema por un mesmo. Desa maneira moitas veces conseguiranse as respostas precisas, e aínda que non se consigan, a experiencia de ler a documentación seguramente sexa moi útil nun futuro.

Hai unha gran cantidade de documentación dispoñíbel en Debian — consulte a páxina web de documentación de Debian.

Problemas coñecidos

As limitacións e problemas graves da distribución estábel actual (de habelos) están descritos nas páxinas da versión.

Preste especial atención ás notas da versión e á fe de erratas.

Wiki

Na Wiki de Debian poden atoparse solucións a problemas comúns, receitas, guías, consellos e outra documentación. Como todas as wikis, esta wiki está cambiando constantemente e agradecerá as súas edicións.

Listas de correo

Debian desenvólvese de forma distribuída en todo o mundo. Por iso, o correo electrónico é o medio preferido para discutir os diversos asuntos. Moitas das conversacións entre desenvolvedores de Debian e usuarios manéxase a través das listas de correo.

Hai varias listas públicas dispoñíbeis. Para obter máis información consulte a páxina das listas de correo de Debian.

Actualmente non existe unha lista para asistencia a usuarios en galego, pero pode contactar coa lista en español (debian-user-spanish) ou en inglés (debian-user).

Para obter asistencia en outros idiomas comprobe o índice de listas de correo para usuarios.

Por suposto tamén hai moitas outras listas de correo dedicadas a algúns aspectos do vasto ecosistema de Linux, que non son específicos de Debian. Use o seu motor de buscas favorito para atopar a lista que mellor se adapte ao seu propósito.

Grupos de novas de Usenet

Moitas das nosas listas de correo poden ser navegadas como grupos de novas na xerarquía linux.debian.* Isto tamén se pode facer usando interfaces web como Google Groups .

Tamén hai un par de grupos de novas dispoñíbeis relacionados con GNU/Linux. A pesar de non seren específicos de Debian, poden ofrecer moita información aos usuarios.

comp.os.linux.hardware
Discusións relacionadas co hardware
comp.os.linux.m68k
Sobre Linux executado no procesador 680x0.
comp.os.linux.setup
Instalación e configuración de sistemas Linux
comp.os.linux.networking
Temas relacionados coas redes.
comp.os.linux.x
Uso do sistema de xanelas X en computadoras con Linux
comp.os.linux.misc
Temas variados. Un grupo que da cabida a todo.

Consulte este índice para ter unha lista máis detallada de grupos de novas relacionados.

Sitios web

Foros

debianHELP e os foros de usuarios de Debian son portais web nos que pode discutir temas relacionados con Debian, enviar preguntas sobre Debian e obter respostas de outros usuarios.

Outros recursos na web

Debian-Administration.org ofrece consellos e recursos para os administradores de sistemas Debian.

Ligazóns útiles sobre Unix:

Contacto cos mantedores de paquetes

Hai dúas formas de pórse en contacto cos mantedores de paquetes. Se precisa contactar debido a un fallo, simplemente envíe un informe de fallo (consulte a sección do sistema de seguimento de fallos a continuación). O mantedor recibirá unha copia do informe de fallo.

Se simplemente quere comunicarse co mantedor, pode usar o enderezo de correo especial configurado para cada paquete. Calquera correo enviado a <nome do paquete>@packages.debian.org será reenviado ao mantedor responsable dese paquete.

O sistema de seguimento de fallos

A distribución Debian ten un sistema de seguimento de fallos que detalla os fallos enviados por usuarios e desenvolvedores. A cada fallo asígnaselle un número, e mantense á vista ata que é marcado como resolto.

Para enviar un informe de fallo, pode usar unha das páxinas de fallos listadas embaixo, ou pode usar o paquete de Debian reportbug para enviar automaticamente un informe de fallo.

Pode atopar información sobre o envío de informes de fallo, ver os fallos activos actualmente e información sobre o sistema de seguimento de fallos en xeral nas páxinas web do sistema de seguimento de fallos.

Asesores técnicos

Debian é software libre e ofrece axuda gratuíta a través das listas de correo. Pero hai quen non ten tempo, ou ten necesidades especializadas, e busca contratar a alguén para manter ou engadir funcionalidades ao seu sistema Debian. Consulte a páxina de consultores para ter unha lista de persoas e empresas.

Axuda en tempo real usando o IRC

IRC (Internet Relay Chat) é unha forma de conversar con xente de todo o mundo en tempo real. Poden atoparse canais dedicados a Debian en OFTC.

Para conectar, precisará un cliente IRC. Algúns dos clientes máis populares son: HexChat, ircII, irssi, epic5 e KVIrc, todos eles están empaquetados para Debian. Unha vez que teña o cliente instalado terá que dicirlle que se conecte ao servidor. Na maioría dos clientes poderá facelo escribindo:

/server irc.debian.org

Unha vez conectado únase ao canal #debian tecleando

/join #debian

Nota: certos clientes como HexChat soen ter unha interface gráfica diferente para conectarse a servidores ou canais.

En este punto atoparase entre a amigable multitude de habitantes de #debian. Pode realizar as súas preguntas sobre Debian aquí. Atopará preguntas frecuentes sobre o canal en https://wiki.debian.org/DebianIRC.

Tamén hai moitas outras redes IRC onde pode charlar sobre Debian. Unha das máis destacadas é a rede IRC freenode en chat.freenode.net.

Outros recursos para asistencia

Consulte as ligazóns relacionadas.